Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Esquivar guiris ocupa a maior parte do meu tempo libre

Peregrinos y turistas toman el sol, este viernes en la plaza del Obradoiro.

1

Este artigo comeza así: pecha un negocio no casco vello. Ou non, esquezan iso, non pecha. Prefiro que ninguén me reproche sentimentalismo. Mellor: un local que sempre estivera pechado no casco vello dunha cidade calquera —patrimonio da humanidade, iso si— aparece un día cos cristais cubertos por papel marrón de estraza. Hai algo cocéndose dentro. De súpeto, a veciñanza desa cidade alberga no fondo do seu corazón a esperanza de que iso vaia ser un negocio independente útil para as que viven alí. Queren crer que non será un bar novo, un posto de comida para levar —destes que ademais sempre son de especialidades locais: bocadillos de xamón serrano, empanadas arxentinas, bocadillos de calamares—, unha tenda de recordos e camisetas ou unha lavandaría autoservizo. A esperanza, por suposto, dura pouco, porque á visión dos cristais velados pola reforma séguelle case sempre un comentario sarcástico e desesperanzador que, semanas máis tarde, se confirma cun novo negocio para turistas.

Pero tranquilxs, este non é un artigo máis sobre o tourist go home. En absoluto, este artigo, moi contrariamente, vén constatar que, cando menos no meu caso, levo xa tantos anos seguidos sentindo que a cidade na que vivo é dos turistas, que acabei por crer que o equivocado son eu. Que a ilusión de que no casco histórico dunha cidade coma Compostela —poden inserir aquí o nome de calquera outra— vaia abrir unha tenda de ultramarinos, unha ferretaría, unha panadería con forno tradicional, unha mercería ou un negocio de roupa, esa ilusión, digo, é en realidade inxusta pola miña parte. Os datos están claros, soubemos hai uns días por este xornal que en Compostela hai unhas 150 vivendas dispoñibles para o alugueiro fronte ás 850 vivendas vacacionais (das rexistradas) e que sufrimos unha das presións turísticas máis altas do estado. Pero entón, por que me frustro? Supoño que parte deste malestar, ademais do sentimento de expulsión, parte da sensación de que sucesivos gobernos de partidos denominados progresistas, tanto no Concello como na administración estatal, non foron quen de poñerlle freo a este modelo e se limitan, no caso de Compostela, a culpar ao Xacobeo e á Xunta de Galicia. Coma se dous non fosen máis ca tres, coma se estivesen uns e outros atados de mans. Pero eu que sei, non son político, nin quixen selo nunca: hai que estar disposto a estudar demasiadas ciencias ocultas. E, en parte, tampouco os culpo a eles porque, asumámolo xa, esta roda de hámster na que corremos todos xira a demasiada velocidade como para detela sen violencia.

Nestas cidades que lles pertencen xa aos turistas, hai quen dixo que se seguía o modelo do donut: cun centro baleiro de servizos convertido en parque temático. Eu diría que agora mesmo se trata máis ben dun burato negro capitalista e salvaxe. Así, por exemplo, o anel inmediatamente posterior á améndoa de ouro adoita estar ocupado polas residencias das clases privilexiadas e, nunha menor concentración, por apartamentos turísticos. Agora si, eses privilexiados non se organizan para defender as veciñas de clase obreira coas que puidesen convivir antes da chegada da xentrificación, senón que o fan, normalmente, só para protexer os seus servizos: centro de saúde, espazos socioculturais e supermercados. Os Airbnb ameazan, pero non á poboación con pedigree. Suficiente. O seguinte anel, se a cidade é pequena, caso de Compostela, ocúpano na súa maioría persoas que mercaron apartamentos baratos hai moito tempo porque habitaban zonas pouco desexables outrora e son, hoxe en día, os barrios en alza, aqueles que se xentrificarán grazas ás capas altas da clase asalariada —case sempre funcionarios, nunca sós, senón en parella— que dean sobrevivido á escalada dos prezos e a presión. En canto ao resto da xente, será expulsada á vila dormitorio que mellor se axuste ao seu salario, compartirá apartamentos con mal mantemento ou mudará de cidade. En fin, penso que non é necesario explicar por que cada vez máis isto parecen os xogos da fame.

Porén, non veño aquí reclamar que defendamos o modelo de cidade polo que sentimos nostalxia —unha nostalxia case nunca 100% real, máis ben algo inventada—, senón constatar que a cidade morre e nos arrastra a moitxs consigo. Falo desas consumidoras deste parque de atraccións que, sen saber moi ben por que, somos adictas a un decorado que non merecemos habitar. “Que necesidade tes de pagar un alugueiro tan alto?”, pregúntanse meus pais. E a miña resposta é sempre absolutamente irracional, parte dunha emoción sincera, dun abraio anterior ás tendas de recordos e aos postos de ridícula comida para levar, pero é, en definitiva, unha resistencia inexplicable.

Nun poema xenial titulado “Esquivar guiris ocupa la mayor parte de mi tiempo libre”, o alacantino Adrián Fauro escribe: “A veces sueño que / empieza a llover o nevar / y se sienten como en casa / y se van”. E eu imaxino de repente que vivo atrapado nunha desas bólas con neve artificial, coa catedral de Santiago no centro, das que se venden todo o ano por todas partes. Pero non estou só alí, nesa recreación mínima do Obradoiro, senón que me imaxino rodeado de turistas, asfixiado polos peregrinos, mentres a burguesía compostelá —de todo signo político— me mira incómoda dende as ventás.

Todo isto, para contar que comezo a crer que é xa demasiado tarde, que a cidade lles pertence e que, por máis que os habitantes censados votemos o contrario, caemos montaña rusa abaixo cada vez con maior balbordo. A democracia leva varias lexislaturas cuspíndonos na cara que Compostela non é nosa. E aínda así, repito, sinto esperanza. Parvo como son, sígome ilusionando ante os escaparates cegados con papel marrón e por iso este artigo constata que buscarlle unha solución a todo isto xa non pasa por intentar rexenerar o que non se pode rexenerar, que non queda demasiado que salvar ou protexer, é dicir, que a saída ten que ser romper ese vidro —caia quen caia— ou seguir deixando que a corrente nos arrastre fóra. Mentres tanto, seguirei esquivando guiris mentres finxo que esta pode ser tamén a miña casa.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats